Páginas

lunes, 31 de octubre de 2016

DO SAMAIN A SANTOS, DE SANTOS A HALLOWEEN E DE HALLOWEEN AO SAMAIN


Conta Rafael Pérez Loureiro, mestre de Cedeira e un dos impulsores da recuperación da tradición galega de celebrar no 31 de outubro o momento no que as ánimas dos mortos retornaban ás súas casas para visitar os seus familiares vivos, que, fai desto uns vinte anos, un día chegoulle a casa a súa filla cativa cun “melón” (como lle chaman en Cedeira as cabazas) que lle dera a profesora de inglés para tallar nela unha caveira e celebrares deste xeito o Halloween.

- Que Halloween? – contéstalle Rafael á súa filla – Isto xa o facía eu fai trinta anos cos meus amigos do rueiro!
Rafael indígnase, con razón, pois pensa que non hai nada mais ridículo que un pobo que despreza a súa propia cultura e a volve a incorporar, deturpada, a través da colonización cultural dos medios de masas dos USA, e coma resposta necesaria, realiza un estudo de recolleita de testemuñas e referencias documentais desta tradición, e crea unha unidade didáctica para utilizar polos mestres nos colexios de Galicia.

O Samaín, nas comunidades agrarias é unha festa asociada ao ciclo anual do sol, ao fin do tempo das colleitas, o ano vello, e o comezo do inverno, o ano novo. Para estas comunidades fortemente vencelladas á natureza, este era o momento no que as ánimas dos mortos retornaban ás súas casas para visitar os familiares vivos. Nesta visita aproveitaban para buscar alimento e quentarse co lume da lareira, polo que era costume deixar o lume aceso nesta noite e nunca varrer a lareira para non afastar as ánimas; por veces tamén se deixaba unha cadeira baleira, co seu servizo de comida e bebida, para que as ánimas se achegasen á mesa familiar.

Esta tradición, claramente pagá foi pouco a pouco esmorecendo, polo menos nas vilas e cidades, por influencia de Igrexa Católica que miraba con malos ollos estas tradicións animistas opostas á doutrina oficial. Deste xeito, por obra e graza da Igrexa, os mortos pasaron a estar ben mortos nos camposantos da súa propiedade, material e ideolóxica, agardando mansamente o día do Xuízo Universal, único no que retornarían a este mundo. E coma a Igrexa ten séculos de experiencia en cristianizar costumes e festas, o Samaín pasou a ser Santos, no que os vivos tiñan a obriga de gastar os cartos e mercar flores para adornar o monumentos funerarios dos ricos e os sartegos dos probes.

Coa morte de Franco e transición á democracia, a Igrexa perde moito do seu poder ideolóxico fronte á invasión cultural dos USA. A través do cine primeiro e da televisión despois, vemos aos nenos americanos, disfrazados de criaturas infernais, trasgos, bruxas, mortos podrecidos que camiñan, petando nas portas das preciosas casas dos veciños para coa ladaíña de “truco ou trato” pedires lambetadas. Nas ventás unha cabaza tallada a xeito de caveira cunha candea no seu interior, dálles a benvida. En 1978, John Carpenter dálle unha volta de porca á festa amable coa a estrea, nos Estados Unidos primeiro e no mundo enteiro despois, do filme Halloween, ambientado na véspera de Todos os Santos que supuxo unha referencia para o cinema de terror de serie B. O que era unha tradición de nenos convértese tamén en festa de mozos, co seu necesario adobío de transgresión. Non tardan moito as cadeas comerciais en decatarse da oportunidade de negocio desta festa de Tódolos Santos, "All Hallows' Even", versión USA, para vender cabazas con adhesivos para tallar os buracos no lugar correcto, disfraces, maquillaxes, cabeiros de plástico, sangue artificial, morcegos, arañas e todos os subprodutos do cine de terror.

Unha Asociación Cultural e Folclórica coma O Fiadeiro non pode mais que intentar loitar na medida das súas forzas pola recuperación das tradicións galegas desta festa, ben é certo que con tódalas reservas posibles, posto que non existe neste momento un acordo total entre los diversos estudosos da etnografía galega, encol do que é e non é auténtico nas festas actuais do Samaín galego. De contado pasamos revista a tres dos mais importantes aspectos destas festas.

Tallado de cabazas e outras hortalizas.
Parece a mais común e estendida das tradicións asociadas a esta celebración. Se o lume na lareira procura invitar ás ánimas amigas á compartir a mesa familiar, a cabaza tallada a xeito de caveira cumpre a misión de afastar ás dos inimigos que poden pretender a nosa desgraza. No seu orixe serían as caveiras reais dos inimigos mortos en combate, substituídas, séculos despois, por melóns, nabos ou cabazos, baleirados do seu contido e tallados de xeito que provoquen o maior medo posible.

Segundo os estudosos esta tradición está presente, con nomes diferentes, en toda Galiza: calacús nas Rías Baixas, caveiras de melón en Cedeira, calabazotes en Ortigueira, colondros en Ourense, etc. Os inmigrantes irlandeses levaron esta tradición aos USA, nas emigracións masivas da Gran Fame irlandesa. E foron eles quen espallaron a tradición de tallar os “jack-o'-lantern”, que inspiraron a lenda de “Jack o Lambefoula” e os seus netos ou bisnetos, os que no la trouxeron de volta coma se fora algo novo.

Disfraces.
Esta é a parte de orixe mais claramente alleo. Galicia ten a súa propia festa do exceso, a provocación e o disfrace, o entroido, que é unha festa de comezo da primavera e do rexurdimento da vexetación, ben afastada desta. Posto que o cerne do Samaín galego son as ánimas dos mortos que retornaban ás súas casas para visitar os familiares vivos, nin as bruxas, nin os demos ou zombis, pintan nada no imaxinario desta festa, todo o mais as pantasmas, coa cara tapada ou emborrallada coma no magosto, festa que, por certo, ten bastante proximidade con esta. E dende logo nada de morcegos, arañas, bufos, ou outros animais semellantes, respectados no rural polos seus evidentes beneficios, e satanizados nesta absurda pantomima do Halloween comercial.

“Truco ou trato”.
Tamén a tradición de iren a pedir lambetadas polas portas semella moi presente en Galiza. Por exemplo os rapaces na Illa de Arousa van pedir polas rúas, por casas e comercios, unhas esmolas "polos defuntiños que van alá", e reciben doces, chocolates, moedas ou pans trenzados para a ocasión. Rafael Loureiro recolle tamén a tradición da rexión de Coimbra (Portugal) na que os nenos coa cara pintada de negro recorrían as casas pedindo lambetadas con este cantar:

“Bolinhos e bolinhós
para mi e para vos
para dar aos finados
que estâo mortos e enterrados
A vela, bela cruz, truz, truz
A señora que está ala dentro
sentada nun banquinho
faz favor de vir cá fora
prá nos dar un tostaozinho”.

Se a resposta era positiva, contestaban eloxiando á casa e os seus habitantes:

“Esta casa cheira a broa,
aquí mora xente boa;
esta casa cheira a viño,
aquí mora algún santiño”.
Pola contra, se non lle daban o apetecido, ou os botaban de mala forma, cantaban:
“Esta casa cheira a alho,
aquí mora algún bandalho;
esta casa cheira a unto,
aquí mora algún defunto”

viernes, 14 de octubre de 2016

POLAFÍAS: DO NEOLOXISMO AO PROXECTO

Fía en Forcarei (Pontevedra) en 1951. Fotografia de Manuel Barreiro Ouro.
O Dicionario da Real Academia Galega (DRAG) define neoloxismo coma Palabra ou expresión de creación recente nunha lingua [ou collida prestada, desde hai pouco, doutra lingua].
A palabra Polafía, concretamente é unha afortunada invención da Sección de Literatura de Tradición oral da Asociación de escritoras e escritores en lingua galega, que pretende reunir nun único termo o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras coma as depolavilas típicas dos Ancares, a Fonsagrada e o Courel, as fías, fiadas, fiandóns, e fiadeiros propias nas zonas de cultivo do liño, as ruadas de Bergantiños, As Mariñas e Compostela, e os seráns do Condado, Val da Louriña, Val Miñor, Val do Fragoso, etcétera. Desaparecidas moitas das orixes que xeraron estes rituais de celebracións, convivencia e transmisión da cultura oral, cumpría por en marcha un novo marco lúdico, onde dar acubillo aos contos, os romances, as coplas, as músicas e os bailes populares do noso valioso patrimonio galego de tradición oral, que doutro xeito sería devoradas polo esquecemento. E as Polafías da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), son, precisamente, ese marco lúdico.
Ese sentido ten o proxecto Polafías, coordinado polo vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, da citada AELG: servir de canle para o encontro entre xeracións, que permitan compartir as manifestacións da cultura popular de transmisión oral mediante un espectáculo de contos, coplas, romances e cancións que nace dos veciños para os propios veciños, na procura do mantemento da cultura oral mediante e o uso das novas canles de comunicación, internet e as redes sociais.
O formato das polafías require, coma comenta a AELG na súa WEB, a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais.
Emporiso nesa concepción son as veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas das narración, os cantos e bailes, os que xenerosamente transmiten o seu saber. En grande medida aprendemos por imitación; un instrumento se aprende a tocar mirando como o tocan os demais, un conto apréndese a contar escoitando coma o conta outro, as xeracións mais novas aprenden dos maiores mais engadíndolle cousas da súa propia identidade e do tempo no que viven, mesturando o propio co dos demais en plano de igualdade, non esquecendo o propio. Deste xeito a cultura popular manterase viva, non coma un obxecto arqueolóxico que compre manter illado nos andeis dos museos, senón como algo actual, fermoso e útil.
En palabras do propio Antonio Reigosa, naquelas familias na que se mantivo a convivencia e o amor á cultura popular como sinal de identidade, non hai problemas de transmisión da cultura propia entre xeracións. O problema son as familias nas que, ben sexa por razóns de afastamento físico ou ideolóxico, existe esta ruptura na transmisión da cultura propia, que xera vergonza do propio, que se entende inferior ao alleo, e o abandono da nosa identidade.
Ata o de agora se celebraron mais de trinta polafías que están debidamente documentadas para a súa maior difusión no seguinte enlace:
http://www.aelg.gal/Polafias/

miércoles, 5 de octubre de 2016

Os cantos de labor

Os cantos de labor son, entre o distintos tipos de canto popular, a mais enxebre das mostras de comunicación oral. Se os romances, as coplas, ás cántigas, podemos difundilos por escrito, os cantos de labor perden toda a súa forza, condición e sentido cando os separamos do traballo mesmo ao que acompañan.

Os cantos de labor adoitan ser de rítmica moi sinxela, axeitada ao tipo de traballo que se executa, cantadas, normalmente sen acompañamento melódico, polas persoas que realizan tarefas físicas repetitivas. Os motivos principais destas cancións son, en primeiro lugar a de sincronizar o movemento físico das persoas que realizan os traballos, e en segundo lugar o de reducir o aburrimento ao realizar ditas tarefas. En moitas ocasións a letra se improvisa cada vez que é cantada, alternándose no canto homes e mulleres, enchendo os versos con dobres sentidos, e mesmo con procacidades para requirir á complicidade das mozas. Esta estrutura non existe, coma é lóxico, nos cantos de traballo dos mariñeiros, pedreiros, canteiros, arrieiros, etc. nos que a presenza da muller é moi escasa ou inexistente.

Na actualidade, por diversas razóns sociais, económicas e culturais, é difícil escoitar algún canto de labor, coma os cantos de arada, de arrieiro, de seitura ou cantos de arrigar, cantos de mallar, cantos de ripar, mazar ou espadelar o liño, cantos de bater o leite, etc.

A peza que podedes escoitar no vídeo pertence á actuación de O Fiadeiro o 20 de novembro de 1999 no teatro Afundación de Vigo, e ten por título “Añas e xota de Aboal (Mondariz)”. As “añas” ou “cantares de aña” son un tipo de canto de labor cuxa práctica permaneceu viva ata ben pouco no sur da provincia de Pontevedra, nos concellos de Soutomaior, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Ponteareas, O Covelo e Mondariz. A que interpreta O Fiadeiro, procede de Aboal, ben preto de Mondariz, e pon en escena o costume de celebrar o fin da tarefa colectiva de sachar unha leira con baile. O home da casa, á que pertencía a leira, portando un ramo de loureiro ornamentado, bailaba con cada unha das sachadoras ao ritmo producido polo bater duns seixos contra da folla de metal dos sachos cos que se fixera o labor. Neste caso o canto faise unísono, en troques de reproducir a estrutura descrita de mulleres e homes alternándose.

Para o acompañamento das añas a ferramenta sostense coa man esquerda preto da súa folla, co mango case horizontal e cara atrás, mentres a man dereita suxeita o seixo co que se bate na folla. A man esquerda move a ferramenta lixeiramente arriba e abaixo seguindo o compás imposto polos golpes da pedra na folla da ferramenta.