Páginas

miércoles, 5 de octubre de 2016

OS CANTOS DE LABOR



Os cantos de labor son, entre o distintos tipos de canto popular, a mais enxebre das mostras de comunicación oral. Se os romances, as coplas, ás cántigas, podemos difundilos por escrito, os cantos de labor perden toda a súa forza, condición e sentido cando os separamos do traballo mesmo ao que acompañan.

Os cantos de labor adoitan ser de rítmica moi sinxela, axeitada ao tipo de traballo que se executa, cantadas, normalmente sen acompañamento melódico, polas persoas que realizan tarefas físicas repetitivas. Os motivos principais destas cancións son, en primeiro lugar a de sincronizar o movemento físico das persoas que realizan os traballos, e en segundo lugar o de reducir o aburrimento ao realizar ditas tarefas. En moitas ocasións a letra se improvisa cada vez que é cantada, alternándose no canto homes e mulleres, enchendo os versos con dobres sentidos, e mesmo con procacidades para requirir á complicidade das mozas. Esta estrutura non existe, coma é lóxico, nos cantos de traballo dos mariñeiros, pedreiros, canteiros, arrieiros, etc. nos que a presenza da muller é moi escasa ou inexistente.

Na actualidade, por diversas razóns sociais, económicas e culturais, é difícil escoitar algún canto de labor, coma os cantos de arada, de arrieiro, de seitura ou cantos de arrigar, cantos de mallar, cantos de ripar, mazar ouespadelar o liño, cantos de bater o leite, etc.

A peza que podedes escoitar no vídeo pertence á actuación de O Fiadeiro o 20 de novembro de 1999 no teatro Afundación de Vigo, e ten por título “Añas e xota de Aboal (Mondariz)”. As “añas” ou “cantares de aña” son un tipo de canto de labor cuxa práctica permaneceu viva ata ben pouco no sur da provincia de Pontevedra, nos concellos de Soutomaior, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Ponteareas, O Covelo e Mondariz. A que interpreta O Fiadeiro, procede de Aboal, ben preto de Mondariz, e pon en escena o costume de celebrar o fin da tarefa colectiva de sachar unha leira con baile. O home da casa, á que pertencía a leira, portando un ramo de loureiro ornamentado, bailaba con cada unha das sachadoras ao ritmo producido polo bater duns seixos contra da folla de metal dos sachos cos que se fixera o labor. Neste caso o canto faise unísono, en troques de reproducir a estrutura descrita de mulleres e homes alternándose.

Para o acompañamento das añas a ferramenta sostense coa man esquerda preto da súa folla, co mango case horizontal e cara atrás, mentres a man dereita suxeita o seixo co que se bate na folla. A man esquerda move a ferramenta lixeiramente arriba e abaixo seguindo o compás imposto polos golpes da pedra na folla da ferramenta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario