Páginas

viernes, 30 de diciembre de 2016

O APALPADOR OU PANDIGUEIRO

Por Manoel da costa


Os regalos aos nenos no Solsticio de Inverno

Dende que a humanidade observou o ceo e a relación da posición do sol coa fertilidade do chan, todas as culturas desenvolveron rituais propiciatorios para escudar o terror ao futuro. Un destes rituais está asociado á (aparente) morte do sol e a súa resurrección. É o que coñecemos como solsticio de inverno [1].
As comunidades agrarias ían ser privadas de moitas cousas durante o inverno, e a fame atacaría con mais crueza ao mais prezado da familia: os nenos. A eles se dirixían moitos destes rituais.
Por exemplo, nas festas saturnais que se celebraban na Roma clásica, era tradición que os nenos recibiran obsequios dos maiores. E dende eses tempos aos actuáis, baixo a forma de Papá Noel, Father Christmas, Père Noël, Babbo Natale, Santa Claus, San Nicolás, os Reis Magos, ou o Apalpador, alguén vaise a encargar que os nenos non queden sen regalos por estas datas.

A montaña de Lugo. O Apalpador

Algúns etnógrafos galegos, sinaladamente Xesús Taboada Chivite [2], describen un costume da montaña lucense, que denomina "a noite de apalpadoiro" e que consiste en que na noite de fin de ano baixa das montañas un vello xigante, O Apalpador, que toca a barriga dos nenos que están a durmir, por ver se comeron abondo para o ano que entra.
Algunha testemuña engade que O Apalpador, de teren a barriga chea, dilles: “Así, así esteas todo o ano” e déixalles unha man chea de castañas. De ver que teñen a barriga baleira, non di nada, mais tamén deixa unha presa de castañas.
No Nadal do ano 2006, o investigador José André Lôpez Gonçâlez publicou en AGAL-GZ, Portal Galego da Lingua, un artigo titulado "O Apalpador". Personaxe mítico do Nadal galego a rescate" elaborado a partires de informacións procedentes das terras luguesas de Loúzara, O Courel e O Cebreiro recompiladas xa en 1994. Neste artigo comeza a concretarse o aspecto exterior da figura do Apalpador, un xigante, carboeiro, que usa boina, casaca esfarrapada e remendada, que fuma en pipa, e aliméntase de bagas e xabarís. O día 31 de decembro baixa da montaña e visita aos nenos, despois de estes quedaren durmidos.

A montaña de ourense. O Pandigueiro

Outras tradicións recollidas na montaña ourensá da Terra de Trives, fan referencia a un personaxe semellante, o Pandigueiro, que acudía aos leitos dos nenos que se tiveran que deitar na Noite de Nadal co ventre baleiro. Segundo esta información, o Pandigueiro baixaba da Serra da Cabeza Grande e os nenos pedíanlle leitiña con purgazos, ou leite quente con castañas secas, tradición que presenta fortes diferenzas coa do Apalpador, antes descrita, xa que o Pandigueiro visitaba soamente aos nenos probes, estes nenos permanecían espertos, non había cerimonia de apalpado de barrigas, e este personaxe, ademais, podía levar xoguetes tallados en madeira de amieiro.

A galicia urbana. Apalpador ou Pandigueiro, tanto ten

A finais de decembro do 2012 a comisión da Historia da asociación cultural de Compostela A GENTALHA DO PICHEL presentou "E há de vir o Apalpador", un documental arredor dun personaxe da tradición da montaña de Lugo, cunha chea de testemuñas gravadas entre os Ancares, o Courel e Sarria. Para moitos era a primeira vez que escoitaban falar de tal personaxe, ausente nos libros da maioría dos autores clásicos da etnografía galega.
A existencia de dous personaxes con similitudes pero tamén riscos diferentes, de presenza moi local, montaña de Lugo o primeiro, e Terra de Trives o segundo, e a forte semellanza co Olentzero euskaldún[3], carboeiro, vive no monte, fuma en pipa, etc., levou a algúns dos estudosos da etnografía galega a argumentar do pouco rigor científico destes personaxes. Outros engaden que os costumes do Apalpador, apalpar o bandullo dos nenos para saber se comeron abondo para que o ano que entra non sexa de fame, senón de fartura, non son demasiado correctas, para rematar cos que afirman que "na miña aldea non se facía iso".
Como Asociación Cultural pensamos que a defensa das tradicións propias representa unha forma de autoafirmación fundamental, e que tan importantes son as particularidades como a asunción de símbolos comúns, que nos sirvan de unión, polo que, fronte a Papá Noel ou Santa Claus, viva o Apalpador, con razón ou sen ela!

Coplas do Apalpador e do Pandigueiro

Recollidos por Jerónimo de Vicente, dende Ourense, estes versos que lle cantaban os pais ós seus fillos a noite que baixaba o Apalpador:
Vaite logo, meu meniño (miña meniña)
marcha agora para a camiña
que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña.

Xa chegou o día grande
día do noso Señor.
Xa chegou o día grande
e virá o Apalpador.

Mañá é dia de cachela,
que haberá gran nevarada
e há vir o Apalpador
cunha mega de castañas.
A cachela é unha tixola furada para asar as castañas. A mega é unha cesta para apañar castañas e outros froitos secos.
A Sociedade Antropolóxica Galega recolle esta copla do Pandigueiro:
Durme meu neno durme
Durme meu neno axiña
Que o Pandigueiro che ha traguere
Uns purgazos pra a leitiña.
Purgazos: Castañas secas, rehidratadas e logo cocidas. Adoitábanse comer con leite.

Mais información en:
http://agal-gz.org/blogues/index.php/apalpador/
http://www.galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=50&id=1171
https://www.youtube.com/watch?v=hZMpYnt7AXk
https://es.wikipedia.org/wiki/Olentzero
https://es.wikipedia.org/wiki/Solsticiodeinvierno
https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/tag/pandigueiro/
http://www.apalpador.com/



Nota [1] O solsticio de inverno é o momento no que o Sol, durante o seu movemento aparente na esfera celeste, alcanza o seu maior afastamento, en latitude, do ecuador. O nome provén do latín solstitium, sol quieto, e, dependendo da correspondencia co calendario, ten lugar entre o 20 e o 30 de decembro no hemisferio norte. No 45 a. C., no calendario xuliano estableceuse o 30 de decembro como o solsticio de inverno de Europa. Había una diferenza entre o ano civil de 365, 2500 días e o año tropical de 365, 2422 días; esa diferenza provocou que o solsticio astronómico no caera sempre no mesmo día, sino que se adiantara aproximadamente tres días cada catro séculos. En 1582, o papa Gregorio XIII instaurou o novo calendario, o gregoriano, co que o solsticio de inverno no hemisferio norte sucede arredor do día 21 de decembro.
Nota [2] "La Navidad gallega y su ritualidad", en Ritos y creencias gallegas, TABOADA CHIVITE, Xesús. Gráficas Magoyo, Rioja 1, A Coruña, 1982.
Nota [3] Olentxero, en Euskadi, e nos Países Cataláns a tradición é que sexa a figura do Tió a encargada de tarerlle os regalos aos nenos. En Cantabria fálase do Esteru e do Angulero, en Asturias.

No hay comentarios:

Publicar un comentario