Páginas

jueves, 23 de febrero de 2017

O ENTROIDO EN VIGO. DATOS PARA UNHA REFLEXIÓN

Por Manoel da costa


VIGO URBANA E RURAL

Vigo é unha cidade grande, a mais poboada de Galicia e a décimo cuarta de España. Pero Vigo tamén son as súas parroquias, algunhas delas a medio camiño entre urbanas e rurais, e algunhas decididamente rurais. En orde alfabético, para non sinalar, lembramos as de Alcabre, Beade, Bembrive, Cabral, Candeán, Castrelos, Comesaña, Coruxo, Freixeiro, Lavadores, Matamá, Navia, Oia, Sárdoma, Saians, Teis, Valadares e Zamáns; e as que foron parroquias coma Bouzas, Coia, Sampaio e San Xoán do Monte.
Alguén chamou a Vigo, non sen motivo, a cidade adolescente, polos seus problemas de crecemento urbano desordenado, motivado polo desenvolvemento industrial nas décadas de 1960 e 1970. A oferta laboral atraeu numerosa inmigración das zonas rurais de Galicia.
As dúas almas da cidade vense reflectidas nas manifestacións do Entroido. É de sinalar que no barrio do Berbés de Vigo se conserva a única figura tradicional do Entroido urbano galego: o Merdeiro, ao que dedicaremos un pequeno espazo.

ENTROIDO IGUAL A PROVOCACIÓN

Se o Entroido non é provocador, transgresor, convértese en Carnaval, Batalla de Flores, Concurso de Disfraces, ou cousa semellante, pero xa non Entroido. Moitos dos mais afamados Entroidos galegos estanse a converter, a forza de declaracións de “festas de interese turístico nacional”, en desfiles folclóricos a maior gloria e beneficio da hostalería, pero cada día mais afastados do verdadeiro espírito que deulles orixe.
Historicamente a cultura popular está ligada ás festas. Un tempo e un espazo aberto á risa e a ledicia, á transgresión dos límites, ao grotesco a o obsceno. A música, a danza, a comida, os traxes e os roles; o universo enteiro ausente de sentido utilitario, de fin práctico; a festa coma camiño para acceder a un universo utópico, no que todo poder é burlado, todo o elevado rebaixado, todo o espiritual carnalizado e todo o sagrado profanado.
A festa do Entroido, resumía tódolos elementos lúdicos e festeiros das celebracións populares máis enraizadas no inconsciente colectivo da comunidade. Porén, a industria turística intenta transformar o Entroido nun artigo de consumo, roubándolle o seu sentido mítico, e o seu poder transgresor, facendo dos celebrantes pezas dun ritual sen sentido, e aos asistentes en observadores pasivos, dotados de teléfonos intelixentes cos que documentar axeitadamente nesta era da cultura visual, a súa presenza no espectáculo que non no rito.

ENTROIDO IGUAL A ENCHENTE

As festas en Galicia non se entenden sen unha boa paparota. E as festas do entroido non son unha excepción, mais ben a festa do Entroido inclúe necesariamente a idea de comer e beber ata rebentar, coma parte do exceso e provocación destas festas.
Probablemente son o cocido galego e o lacón con grelos os reis da gastronomía do Entroido, sen esquecer o caldo, os chourizos, orellas, cachuchas, bandullo, androllas e botelos e aínda o cabrito, pratos con sustancia abondo para repoñer as forzas de toda a festa destes días. As sobremesas destas datas con tamén especiais.
Non faltan nestas datas as sobremesas do entroido, de xeito especial as orellas de frade e as filloas, e tamén en algunha zonas as rosquillas, o tripón doce, e os melindres.

ENTROIDO RURAL VS. CARNAVAL VILEGO

Namentres o Entroido rural nace de ritos, personaxes, cantos, roupas e adobíos cuxa orixe pérdese no tempo, e a súa celebración responde a unha iniciativa dos veciños do lugar, o carnaval urbano, está organizado e apoiado pola Área de Festas e Turismo do Concello, aínda que se conte coa colaboración das Asociacións veciñais e culturais para a súa materialización. O Carnaval urbano procura o espectáculo, o colorido, a presenza pasiva de milleiros de espectadores que valoran moito mais o número e a riqueza das comparsas e carrozas do desfile que o mantemento dás tradicións propias do lugar. Os propios integrantes das comparsas están moito mais preocupados pola execución dos bailes e o lucimento e conservación da súa custosa vestimenta que de pasalo ben.
En resumo: o Carnaval Urbano é unha celebración programada e controlada, con horarios, circuítos, comezo e final das actividades, que ten a súa xustificación no fenómeno turístico, medindo o seu éxito o fracaso en función da ocupación hostaleira. Pola contra o Entroido rural e transgresión e dislocación da orde establecida.

MECOS, MOMOS E O RAVACHOL

No Carnaval urbano, as festas comezan coa entronización dunha figura que personifica o entroido e que recibe diversos nomes, Momo na Coruña, a Micaela de Buño, o Felipiño do Barbanza, e en Vigo e o resto do sur de Galicia o Meco.
Nas aldeas e vilas organizábase o carro do entroido, que era un cortexo que levaba o boneco á súa queima, non sen ler antes un sermón ou testamento do entroido. Nas cidades galegas é mais adoitado celebrar o mércores de cinza o enterro da sardiña. Á noite sae a xente vestida de loito, en procesión para dar o seu derradeiro adeus á sardiña, que representa a diversión e a felicidade. En Vigo prodúcese a queima do Meco e en Pontevedra o "Loro Ravachol"[1] cuns rituais semellantes. Éntrase na coresma, nos corenta días de xaxún nos que os católicos teñen prohibido comer carne.

OS MERDEIROS

Finalizamos estas breves notas coa mención do personaxe por antonomasia do Entroido vigués: o Merdeiro. Di Xerardo F. Santomé, no seu libro editado pola A. X. A Revolta e A. VV. Casco Vello, en febreiro de 2006, “O Merdeiro: un personaxe do Entroido Vigués. Apuntamentos para a súa recuperación”:
“[...] Chegada a época do entroido, os mariñeiros da bisbarra de Vigo transformábanse en Merdeiros coa intención de expresar con máis forza as súas xenreiras para cos labregos. Para elo acostumaban vestirse ao xeito de Escabicheiros, (persoas do rural que recollían o escabiche e baleiraban os pozos negros da cidade para abonar os seus campos), ridiculizando aqueles elementos do traxe e aparellos máis significativos: o pucho, os símbolos e o farol. Asemade gustaban de exaxerar o seu comportamento social tremendamente anárquico. [...]!
Remitimos ao lector interesado no tema a lectura dos contidos da páxina da organización Asociación Etnográfica A Merdeira, formada pola Asociación Cultura y Veciñal do Casco Vello e o Centro Social de A Revolta: http://omerdeiro.org/.

MAIS INFORMACIÓN

O Entroido en Galicia é unha das manifestacións culturais mais fortes do noso pais. Resulta practicamente imposible incluír a totalidade das páxinas WEB que contan con información de interese, polo que pedimos aos lectores interesados no tema ás súas achegas. Estas son as nosas:
Os Merdeiros:

Nota [1]: Ravachol era en realidade un papagaio, mascota de Perfecto Feijoo, moi mal falado e groseiro, que vivía na botica que este tiña na praza da Peregrina en Pontevedra. Morreu durante os carnavais de 1913 e foi enterrado con grandes honores en medio de un multitudinario duelo. Recibiu o seu nome do anarquista francés Ravachol, condenado a morte en 1892.

No hay comentarios:

Publicar un comentario