Páginas

jueves, 9 de febrero de 2017

OS INSTRUMENTOS DE PERCUSIÓN NA MÚSICA TRADICIONAL (RELACIÓN NON EXHAUSTIVA)

Por Manoel da costa


Os expertos en musicoloxía dividen os instrumentos de percusión en dúas grandes familias: os “idiófonos”, ou cando o son é producido polo corpo do obxecto, é dicir, é o mesmo instrumento o que soa cando se pon en vibración ao refregalo, percutilo, sacudilo etc., e os “membráfonos” nos que unha pel é tensada sobre un marco ou unha cavidade e responde coa súa vibración cando é ferida coas mans, con paus ou excitada dalgún outro xeito, como por exemplo ao refregala coa man ou a través dunha corda ou un pau xunguido a esa membrana.
Son, por exemplo, “idiófonos”, o albuche de cana, os axóuxeres, castañolas, botellas, campás, tarabelas, culleres e cunchas, tarrañolas, as latas e o propio corpo.
Son, por exemplo tamén, “membráfonos”, os bombos, tambores e tamboriles, as pandeiras e pandeiretas, e os pandeiros de catro esquinas ou adufes.
Os instrumentos de percusión, en concreto, poden tamén dividirse pola finalidade coa que foron construídos: musical ou cotián. Os primeiros serán os verdadeiros “instrumentos”, mentres que aos segundos se lles denominan “cotidiáfonos”, ou as mais das veces “instrumentos pobres”.
Un instrumento musical é un obxecto construído coa finalidade de facer música, polo que cada unha das súas pezas foron deseñadas e concibidas cos materiais acústicos axeitados para este fin, mentres que calquera obxecto do noso entorno, unha tixola, unhas chaves, unha botella de anís, unha lata de carburo baleira, pode ser utilizada para acompañar o canto, aínda que non foi esa a orixe da súa construción.
Estes “cotidiáfonos”, ou “obxectos de uso cotián utilizados para facer música”, son probablemente dos mais empregados para acompañar o canto nos quefaceres diarios, sendo ademais unha excelente e pouco custosa ferramenta para que os mais novos se podan achegar doadamente á música. As cunchas, as piñas, as culleres, as tixolas, as latas de pementa e outros moitos “utensilios” musicais xunguían á súa facilidade de conseguilos, a sinxeleza da súa técnica de execución, que se pode aprender doadamente por observación e imitación, polo que foron a miúdo os principais acompañantes do canto.
Compre non esquecer que o canto é o fundamento da cultura musical. A voz constitúe a nosa primeira aproximación á música, á canción popular e á lingua materna do neno, polo que a imprescindible educación musical deste neno, debe comezar polo canto tradicional acompañado das percusións con estes obxectos de uso cotián.
Coma aplicación da premisa de ensinar deleitando, nos permitimos reproducir unhas ilustracións humorísticas dalgúns “cotidiáfonos” xocosos.
pementoque
Pementoque
Pementoque. Hibridación do peitoque e a lata de pemento fomentada pola desaparición dos colmados a mans dos hipermercados.

serragaias
Serragaias
Serragaias. Instrumento moi difícil de tanxer. Só para serrachíns profesionais.

Chavicordio
Chavicordio
Chavicordio. Dous conxuntos de chaves cunha afinación en “dou sostido a menor” moi complexa.

Cocteleira
Cocteleira
Cocteleira. Non pódese tocar con todas as pezas. A mellor para logo poder beber “un martini agitato, non mescolato” é a Muiñeira de Riamonte, mais “n'enculons pas des mouches"

Espageculler
Espageculler
Espageculler. Directamente do Piamonte, axeitado para acompañar as pezas en “patois” Componse dunha espumadeira e unha culler de “spaguetti”

Latacao
Latacao
Latacao. “Ollando para ás unllas” que é o xeito correcto de mover a man, segundo o Mestre Xisco. Versión dos sesenta con lata de Cola-Cao.

Lataiac
Lataiac
Lataiac. Híbrido de lata e botella. Versión para os que nos gusta o Jack Daniel mais que o anís.

Pandeiro espartano
Pandeiro espartano
Pandeiro espartano. Salva manteis de esparto utilizado para non aparvar ao público cando faise unha pandeirada no peito, e o peito é de lobo.

Biscutin
Biscutin
Biscutin. Formada por las verbas francesas “biscuit”, galleta e “tin”, lata. Achega dos compañeiros bretóns a esta recompilación de instrumentos de percusión.

Chiculateira
Chiculateira
Chiculateira. Este non é un instrumento “probe” senón instrumento de ricos, pois a tradición di que compre rompela para rematar as cancións, e así non hai quen dea aforrado para a vellez!

Chisqueiro
Chisqueiro
Chisqueiro. Mellor facelo con un dos tradicionais, pero tivemos que improvisar cun piezoeléctrico. Mellor que non teña gas, sobre todo se tes o pelo largo!

E vos? Tendes agún "cotidiáfono" particular? Sabedes de algúns outros? Ou... vos atrevedes a crear os vosos propios? Veña, agardamos polas vosas respostas!

No hay comentarios:

Publicar un comentario