Páginas

jueves, 27 de abril de 2017

OS MAIOS: A FESTA DA PRIMAVERA (I)


Por Manoel da costa



Os Maios é a festa da primavera; da súa chegada, e do seu trunfo. A celebración do espertar da natureza, do alborexar da vida nova, do reverdecer das plantas, ou, coma dicía Vicente Risco: "da ledicia de ver erguerse o sol por riba do horizonte e coller altura e forza".

A festa dos maios é un rito, un acto cerimonial de carácter simbólico, expresión do renacemento da terra despois do inverno, que se repite con pequenas diferenzas en cada comunidade cultural. O mito de Perséfone en Grecia, Proserpina en Roma, ou Beltane nos países celtas, representan o ritual que propiciará que o inicio da estación no que a natureza esperta do seu longo sono, a terra vístese de verde e os rabaños de gando son levados cara as terras de pasto das montañas, se produza coa normalidade desexada.

AS ORIXES DOS MAIOS

Aínda que as orixes da festa dos maios non están moi claras, parece indiscutible que, coma sucede no resto das festas galegas de exaltación da natureza, ten unha clara orixe prerromana, e representan diversos rituais propiciatorios ás divindades primaverais, que se consideran as responsables do espertar da natureza e da fertilidade de campos, animais e humanos.

A festa galega dos Maios é semellante ao resto das festividades de primavera que se celebran na maioría dos países do mundo, onde existen, aínda que con importantes variantes no cerimonial, a celebración do mesmo acontecemento: o espertar da natureza trala longa invernía. Na Galicia, labrega e mariñeira, chegaron ata os nosos días, grazas ao agarimo dos nosos maiores, unha copiosa colleita de tradicións populares vencelladas a esta festa dos maios, con aspectos lixeiramente diferentes, aínda que non excluíntes, que poderiamos intentar clasificar consonte o esquema seguinte:

  • MAIOS AGRARIOS: propiciatorios do espertar da terra, da bondade da colleita futura.
  • MAIOS PECUARIOS: vencellados ao ciclo reprodutivo dos animais domésticos, favorecedores da fertilidade e saúde do gando.
  • MAIOS MARIÑEIROS: rituais propiciatorios dunha pesca abundante e sen accidentes.

Outro aspecto interesante é a diversidade da tipoloxía das figuras que protagonizan a festa, os maios, que tamén poderiamos clasificar do xeito seguinte:

  • MAIOS FIGURADOS: o protagonista é unha figura inanimada. Podemos dividilos en:

    • Maios tradicionais: tenden a ser cónicos e lembran a forma das árbores máis ou menos estilizadas.
    • Maios artísticos: cando se trata de calquera outra figura, dende unha casiña até un pazo, un cruceiro, unha igrexa, ou, no caso dos Maios mariñeiros, un barco.
  • MAIOS VIVENTES: unha os varias persoas, neno ou adulto, cuberto de pólas e follas, ás veces disfrazados ou adornados con flores. Cando se trataba dunha nena, a maia, ía vestida de branco e cunha coroas de flores. Cando eran varias persoas ían vestidos do mesmo xeito, e cantaban e danzaban arredor do maio.

Este tipo de maios eran habituais na provincia de Lugo, Portomarín e Viveiro. Álvaro Cunqueiro fala dos de Mondoñedo nun dos seus artigos. Tamén están documentados en Vilafranca do Bierzo. Vicente Risco, na súa obra Etnografía, Galaxia, Vigo, 1994, os describe deste xeito:

"O maio vivente é un rapaz cuberto de follas e flores que sae polas rúas o día primeiro de maio en compaña dunha pandilla de nenos ou mozotes, os que, de tempo en tempo, para e canta arredor do Maio cantigas axeitadas que veñen xa de tradición, e piden as maiolas ou maias que son castañas secas ou noces, e se cadra, mais modernamente diñeiro. Ía vestido cunha faldamenta e unha esclavina feitas de espadana, fiúncho e lesta, enfiafos en cordas e adornadas de flores, e na cabeza un ramo de fiúncho cos rabos para riba e rematados en tres coroas de flores e un florón de lirios, na man levaba un bordón florido. Os do coro levaban paus e con eles marcaban o compás do canto […]. Ó rematar, o Maio deitase no chan para que lle boten as maiolas por riba e érguese cando lle din o Levántate Maio […]. Non estará de máis, así e todo, que lembremos […] que o se facer a festa dos Maios o día primeiro de mes […] puidera estar en relación co feito de ser ese día cando celebraban os romanos a adicación anual do templo da Bona Dea, chamada Maia, patroa do mes, e en cuxa honra tíñanse as festas chamadas Floralia. Que remataban o día tres, festas da primavera e das flores".



Maio figurado


Os maios figurados consisten nunha armazón ou esqueleto feito de paus ou táboas, de forma cónica ou piramidal, nos maios tradicionais, recuberto de tea metálica ou estopa, que se cobre de mofo, fiúncho ou herba. A armazón constrúese riba dunha plataforma ou padiola, que permite transporta-lo maio polas rúas do lugar. Sobre esta estrutura debúxanse distintos motivos con flores, follas, fiúncho, fentos, bugallos, froitosou mesmo ovos, como materiais máis habituais. Vicente Risco recolle o costume dalgunha zonas de Ourense de rematar a festa queimando ou tirando a auga o maio. Tamén están documentadas dúas variantes de interese:

  • A árbore de maio, unha árbore moi alta chantada no medio da praza principal do pobo, con pólas só no curuto, e adornos de faroliños.
  • Os maios de unha única póla de xesta que se colocaba nas portas da casa e da corte, nas ventás, carros, leiras e barcas, nos coches, lanchas e barcos, no último día de abril, para que o maio protexa a casa, a xente que vive nela e as súas propiedades.



OS MAIOS: A FESTA DA PRIMAVEIRA (II)