Páginas

lunes, 1 de mayo de 2017

OS MAIOS: A FESTA DA PRIMAVERA (II)


Por Manoel da costa


os maios

Nesta segunda entrega analizamos mais polo miúdo unha das manifestacións nas que dividiamos os rituais asociados ás festas da primavera, aqueles que viñemos en chamar "Maios agrarios", os cerimoniais de carácter simbólico relacionados coa fertilidade da terra, os "Maios pecuarios", cerimoniais de carácter simbólico relacionados coa fertilidade e a saúde do gando e os "Maios mariñeiros", relacionados coa actividade pesqueira.

MAIOS AGRARIOS

O mais importante destes cerimoniais, baixo o punto de vista etnográfico, é sen dúbida o rito denominado "alumear o pan". Víctor F. Freixanes, actual Presidente da RAG, publicou en maio de 2014 un artigo na Voz de Galicia, cunha descrición deste cerimonial, que resulta imposible mellorar.

"Esa noite, véspera do primeiro de maio, os veciños todos do val da Amaía saían alumear o pan. Vellos, novos, nenos, homes e mulleres botábanse aos campos portando fachos acesos, feitos de palla ou follato, e percorrían os camiños, de aldea en aldea, ciscando a cinza nos sucos recén semeados das agras e recitando: «¡Alumear o pan, para que Deus dea boa gran: espiguiñas coma dedos e grauciños coma peros!». Así lembra Suso do Cabo aquelas tardes primeiras da súa infancia, contra a noitiña, coa parroquia toda a bourear, chamando pola fartura da terra, que poucas semanas antes fora arada e semeada con trigo, millo ou centeo. Aínda a semente non agromara. Aínda os campos estaban abertos. Aínda non había resposta da terra. Mais na cultura tradicional agraria, cada sementeira é unha aposta de futuro, un risco que se asume con traballo, con cálculo e con coñecemento: a tradición de saber como se han de facer as cousas, na memoria que transmiten os país e os avós."

Ademais desta práctica de "alumear o pan" para pedirlle ás forzas da natureza o alento da fortuna, que a ilusión o esforzo e o traballo xa o poñemos nos, temos documentado nos concellos de Outes, Rois e Negreira, outro rito da fertilidade da terra que consiste en chantar, nesa mesma época, de abril para maio, ramos de xestas ou codesos nas terras, despois de sementalas.

MAIOS PECUARIOS

O gando é unha das posesións mais prezadas dos labregos. Groso ou miúdo a relación do labrego cos seus animais é ben estreita. Coma parte dos actos propiciatorios vencellados ao comezo da primavera, os maios, se acostuma a enfeitar con flores ou ramallos de xesta ou codeso, ao gando, as cortes e os apeiros de labranza.

MAIOS MARIÑEIROS

Fronte á cultura agraria de prazos moi concretos e períodos moi establecidos, que compre saber calcular e administrar, a cultura mariñeira é moito menos estacional, polo que carece en gran medida deste tipo de rituais vencellados ao decurso das estacións. De tódolos xeitos nunca sobra utilizar distintos signos e amuletos para protexe-lo barco e os propios mariñeiros dos perigos que corren no mar, así como para propiciar unha boa pesca. Así, nalgúns portos pesqueiros é habitual atopar maios artísticos en forma de barco, ou aínda maios de unha única póla de xesta para poñer nas embarcacións.

COPLAS, RECITADOS E CANCIÓNS.

Os maios non serían tales sen os cantos e coplas que os rapaciños e os non tanto, botan arredor do árbore, real ou figurado, que simboliza o comezo da floración e o fin do inverno. Estas cantigas se poden dividir en dous grandes grupos: as composicións tradicionais, con música e coplas desta orixe, que se repiten sen case variación ano tras ano, e os textos escritos a pé feito para o ano concreto, recollendo feitos actuais e críticas políticas. Estes últimos son normalmente recitados, aínda que as veces se cantan utilizando unha cantilena ou unha melodía tradicionais coñecida. Moitas destas coplas imprimíronse en follas soltas que se vendían ós asistentes. Amplas coleccións destas follas se conservan na biblioteca Ben-Cho-Shey da Deputación de Ourense e no Museo de Pontevedra.

Exemplo do primeiro tipo é esta cantiga, recollida por Pablo Quintana na zona costeira de Lugo, e que figura no seu primeiro disco "O cego andante":

Maio, maio
entra de crego
Non revolva-lo tempo xurando.

Maio, Maio
da cruz da mariña
Bótennolo maio, señores caballeros
Se non teñen maios pois bótennos diñeiro.

Aí ven o Maio pola calle do Sol
Aí ven o maio de roubar ó valedor.

Aí ven o Maio pola calle do Medio
Aí ven o Maio de roubar o velo-velo.

Aí ven o Maio pola calle de Abaixo
Aí ven o Maio de roubar o Tirabaixo.

Aí ven o Maio por riba das silveiras
Aí ven o Maio de roubar ás costureiras.

Aí ven o Maio pola calle de Arriba
Aí ven o Maio de roubar á Marabilla.


Unha interesante variante, que non se pode incluír en ningún dos tipos citados, é a canción de Luis Emilio Batallán musicando o poema social de Manuel Curros Enríquez, "O maio", que di así:

Ahi ven o maio
de frores cuberto
puxeronse a porta
cantandome os nenos
os puchos furados
pra min extendendo
pedironme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai rapaciños
calados e credos
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño
eu sonvos o probe
do povo galego
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno.

Cando eu me atopare
de donos liberto
que o pan non mo quiten,
trabucos e prestemos
que, coma os do abade,
frorezan meus eidos
chegado haberá enton
o maio que eu quero.

Queredes castañas
dos meus castiñeiros
cantademe un maio
sen bruxas nin demos
un maio sen segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros nin cregos.


Para rematar deixamos dous vídeos mais. O primeiro do grupo de Porriño, Na Lúa, e o segundo do Zeca Afonso. Estades expresamente invitados a propoñer as vosas cantigas de maio favoritas.






OS MAIOS: A FESTA DA PRIMAVEIRA (I)

No hay comentarios:

Publicar un comentario